sábado, 9 de enero de 2010

Caricias


Tocar, acariciar, manosear, palpar, manipular…non hai mellor cousa para o estrés que un bo masaxe. Incluso unhas simples caricias poden arranxar o teu día.
¿Por qué non tocarnos máis?
Todo é un tema cultural, hai sociedades que permiten mais a proximidade e outras menos, pero en xeral vexo unha clara tendencia ó distanciamento corporal.
Hai xente que fuxe do contacto físico, unha maneira de illamento brutal. Se non tocas nin te tocan, renuncias a sentir, renuncias a milleiros de terminacións nerviosas que activan directamente o teu cerebro. De ningunha maneira estou agora a falar de sexo, que tamén ten os seus beneficios por suposto, tratamos aquí doutro tipo de caricias, non apaixonadas, mais ben calmadas, un longo abrazo, un masaxe capilar, uns frotamentos nas costas, “cosquillitas” na barriga, quecer as mans doutro, tocarlle onde lle doe…
O tacto axuda a concienciarse da realidade das cousas, a non vivir eternamente neste corpo-caparazón no que a mente tenta xogar individualmente. Sei de xente que lle saíu pel de lagarto e a súa temperatura baixou a niveles case mortais por mor da súa teima a non ser acariciados.
Existe un xogo dramático interesante neste aspecto, un grupo de xente nun espazo reducido e cos ollos pechados, cada un ten que apalpar ós outros segundo os vai encontrando, tocalos, acaricialos, recoñecelos a través do tacto. As veces xúntanse tres ou catro persoas investigándose a vez, é unha sensación diferente e moi agradable.

lunes, 28 de diciembre de 2009

FUTURO


Saio pasear baixo a chuvia e o frío, coa necesidade de sentir a auga e o vento para saber que existo. Quedo abstraída nos meus pensamentos, escoitando o forte ruxido da mar, observando a espuma branca do bater das ondas contra a pedra do rompeolas. Neste estado de embobamento, tan pouco permitido socialmente en tempos de presas, meus ollos tropezan coa luz do milenario faro. Préndome do seu brilo, e descúbrome contando as súas secuencias, que me transportan a outro tempo no mesmo lugar. Vexo persoas que non recoñezo, mais elas son eu. Tamén miran o mar, e anhelan soños que non saben concretar. 1220, 1341, 1589, 1678, 1804, 1866, 1910, 1979, 2010…Chega un novo ano, pero os desexos son sempre os mesmos, ataviados coas modas imperantes de cada tempo, cadaquén busca a felicidade como se lle ocorre, como sabe, como pode, como imaxina a poderá atopar. Dende aquí pídolle ó 2010 que sexa indulxente coa nosa eterna búsqueda. SAÚDE E BO ANO MY FRIENDS

martes, 15 de septiembre de 2009

DE MUROS, DANZAS E OVOS ROTOS


Levo tempo sen escribir nada, e pasa coma con todo, cando levas un tempo sen facelo parece que non vas ser quen de facelo ben, pero eso si, estás máis motivado.

De muros direi, que a pesar de ter un pobo moi preto de aquí con moito do que falar, a miña intención é falar da “re-construcción” do muro de Berlín, foto aquí presente. Resulta inquietante chegar á East Side Gallery para ver un anaco da historia recente de Europa, e atoparte que están recebando o muro para volvelo a pintar. Intentan que quede mono para o 20 aniversario da súa caída, pero a min dame impresión de tongo, de timo turístico, de alteración capitalista dun episodio histórico marcado pola espontaneidade e unidade do pobo. E deume pena.

De danzas quero falar de Igor Yebra, de cómo a súa coreografía “La muerte del cisne” deixoume a pel de galiña. Fíxose escuro no Teatro Real de Madrid, apareceu o cañón de luz iluminando o centro do escenario, onde o bailarín cun axustado calzoncillo negro e un corpo perfecto permanecía engurruñado no chan. Levantouse tranquilo, sen música, despertando cada músculo do seu corpo con harmonía. O público permanecía en silencio, nen sequera se oían esas toses nerviosas que lles dan a algúns cando non hai ruido (tan mal acostumados están os nosos oídos). Comezou cunha danza suave, unha pequena mostra da beleza dos movementos, foi gañando intensidade, forza, cos seus saltos oíamos a súa acompasada respiración. Volveu caer ó chan e sonou a música, a intensidade do momento decaeu un pouco e gozamos do resto da coreografía xa ca pel no seu sitio.

De ovos rotos estaban cheos os menús de todos os restaurantes ós que Noelia nos levou esta fin de semana. Estamos a falar de lugares de decoración moderna e exquisita, un deles tiña un olivo enfronte da primeira barra, e un salón chill-out para despois de cear. Pratos de deseño, mobles extravagantes, xente chic, cocteis especiais, salsas con especias exóticas…e xunto con todo isto “huevos fritos con patatas y chorizo” Yujuuu!!! Comezou a equiparación das clases sociais, polo menos agora xa todos comemos o mesmo…

sábado, 1 de agosto de 2009

OPRESIÓN


A respiración faise dificultosa o osixeno que respiro non chega ós pulmóns esquecin como se respira!!! tento tranquilizarme respirar é un movemento involuntario respiración abdominal céntrome en encher e vaciar a barriga mareome a cabeza da voltas perdo nitidez na visión non vexo saída centrarse no abdomen hinchar deshinchar relaxarse pecho os ollos imaxino o mar pero non engano o meu cerebro non estou no mar estou pechada sei que fora existe o mar o aire a vida pero non podo sair así que de que me vale que exista algo que non podo disfrutar sinto un pinchazo no diafragma respiro coa boca moi aberta para que entre máis aire autolesionarse golpeo as mans contra o chan buscando a dor abofeteo a cara as pernas ata que exhausta quedo tirada inmovil agotada concentrandome podo esperar a morte pero canto pode tardar catro días sen beber e morrería deshidratada ergome dou voltas non hai esperanza para Psique

miércoles, 22 de julio de 2009

En obras


A miña cidade está chea de buratos, vaias por onde vais encontras unha zanxa para instalar o gas, o cable de fibra óptica ou uns tubos fosforitos, outra para arranxar o asfalto, outra para facer un parking, outra para facer un tunel subterraneo…en fin para moitas e variadas cousas.

Na miña cidade tamén temos moitos cambios de clima durante un mesmo día, despertas con neboa, almorzas con chuvia, comes con vento e ceas con sol, o que obriga a poñer e sacar o abrigo varias veces.

A miña cidade chegaron as rebaixas, e encontrei unha sudadera monísima pero que era unha talla máis pequena da que levo, impulsada pola febre dos descontos compreina igual co desexo de que estire un pouco.

Ben, se unimos todos estos factores a conclusión faise evidente. Tanto e tan variado surco fai que camiñar sexa un exercicio de malabarismo, eu non son equilibrista, sain de casa con prisas coa miña sudadera nova posta, e polo camiño saiu o sol, mentras tentaba de seguir andando e sacarme a sudadera demasiado pequena para min, pasou o que algún día tiña que pasar, cain por un burato...Boa cousa foi que non me manquei, mala cousa foi que o burato era profundo e olía a merda.

Cando os meus ollos se acostumaron a oscuridade, vin o que endexamais houbera querido ver e o que seguramente vos, non querades crer. Pero pensadeo ben meus poucos pero queridos lectores, quen se beneficia da construcción de tanto burato?

martes, 30 de junio de 2009

ISTAMBUL


Rúas ateigadas de xente que grita, en turco, en árabe, en inglés, en italiano, en español, constantes acenos que invitan a pasar, a mirar, a comprar…mercadorías de todalas cores, texturas, sabores, olores…Encóntrome no Gran Bazar de Estambul, roupa falsificada, as mais coñecidas marcas do consumismo occidental a metade de precio, deliciosas telas de cores para a danza do ventre, escuras e neutras prendas para tapar os corpos das mulleres, xoias, coiro, alfombras, narguiles, especias, babuchas, froita, panos, kebaps, artesanía, zumes naturais, bolsos, viagra, té, xoguetes, bonecas, tabaco…todo o que podas imaxinar e máis.

O Bósforo levanta unha brisa reparadora e danos un respiro sentados nun restaurante na Ponte de Gálata. Vemos os transbordadores que pasan dun continente a outro por menos dun euro, petroleiros subindo baleiros ó mar negro e baixando cheos, luxosos iates, transatlánticos, nun barco atracado no porto fan bocadillos de pescado. Enriba da ponte un neno vende cebo vivo ós pescadores, e un tranvía sube a parte “nova” da cidade.

Un suave canto sae do alto dunha mezquita, de seguida lle contesta outra voz, e outra, as distintas sintonías armorizan e chaman a oración dos fieis, un home reza nun xardín. Sultanahmed, noutrora bulicioso espacio turístico, réndese a pregaria, é a última chamada, son as 22.10 e a noite xa caeu sobre a cidade, os turistas xa non poden pasar o interior do templo, pero dende o patio asisten abraiados ós rituais, un home lava os pes seguido pola mirada de dúas mulleres tapadas en negro da cabeza os pes, mantéñense nun segundo plano, pero as nosas miradas crávanse nelas sen poder evitalo.

sábado, 20 de junio de 2009

Estreno Integraacción


Pois despois de todo este curso integrándonos uns cos outros, chega ó fin de curso, e estades todos invitados