miércoles, 29 de abril de 2009

CABREO


Enfado, irritación, cólera, furia, rabia, ira, malhumor…
REIVINDICO os sentimentos negativos de carácter activo fronte algo ou alguén.
REIVINDICO os xuramentos, tan politicamente incorrectos, do que noso idioma está tan ben dotado…non deixemos morrer as malas palabras!!!Maricóns, preas, fillos da gran puta, mal paridos!!!
REIVINDICO a discusión coa parella, coa familia, cos amigos, cos xefes e con que se poña diante se tes un día atravesado.
REIVINDICO a sinceridade de recoñecer que tes un mal día, que estás alterado, que saltas a máis mínima provocación, porque sí, igual que hai outros días que estás de moi bo humor.
REIVINDICO a inestabilidade emocional, porque non coñezo outra cousa.
REIVINDICO os arrebatos irracionais que non amolan a ninguén, porque as veces me canso de ser razoable.
REIVINDICO a alteración do ánimo ante as inxustizas, porque é preciso.
REIVINDICO a efusividade na defensa das túas opinións, nunca existe unha opinión obxectiva, eu creo nas miñas ideas porque son miñas non porque sexan mellores
REIVINDICO que se te sentes así máis de 6 días o mes, cambies algo na túa vida, acougues, e deixes de foder ós do teu redor.

lunes, 9 de marzo de 2009

DIAS DE GATOS


Cando un domingo pola mañá levantarse da cama supón un esforzo titánico o mellor é deixarse levar e pasar un día de gatos.
Imitar a preguiza felina é unha virtude que non moita xente posúe. Existe un saber-estar no sofá, unha dignidade faraónica na súa quietude, un poder de concentración magnífico para poñer a mente en branco cos ollos abertos e os sentidos medio alerta.
Eu vivo cun gato experto en non facer nada, en mimetizarse coa manta do sofá de modo que algúns días chegas a sentarte enriba súa, e iso é un don, porque dende logo polo seu tamaño non lle debería ser doado pasar desapercibido.
O gato ten unha elegancia natural no “dolce far niente”, unha actitude pétrea, e iso nunca o saberei imitar, a miña natureza pide movemento. Aínda así o pasado domingo pasei todo o día con Huma no sofá, cando ía a cociña a por algo viña comigo pedíndome unhas miguiñas do que eu comera, voltando prontamente os dous para o sofá. Vimos un rato a tele, pero a meirande parte do día estivemos pasmando, mirando pola xanela, pechando os ollos para entrar en nos mesmos, observando a Alex que era o único ser activo da casa…
Só me separei del para darme unha ducha...lamberme pareceume un pouco sucio.

jueves, 26 de febrero de 2009

VOTA POBO VOTA


Encóntrome cun montón de xente que me di que non vai votar porque pensa que todos os políticos son iguais, e que non vai cambiar nada estea Mengano ou Fulano no poder. Esta xente (todos eles cultos e intelixentes que por algo son amigos meus) di que todos os políticos son mentireiros e corruptos e da igual a ideoloxía que profesen.
Non serei eu quen poña a man no lume por ningún candidato, se non a pon Mariano por Esperanza…sen embargo estou ben certa de que existen grados de honradez moi importantes que diferencian a uns dos outros, e que por mais que pretendan facerme crer que as diferencias entre esquerda e dereita xa non existen, eu as vexo continuamente. Importa a ideoloxía dun político ante o despido libre, a sanidade pública, a prohibición das vodas gays, o consentimento do vandalismo dependendo dos motivos que se aleguen (se é por botellón non vale, se é contra unha Herrikotaberna si), a planificación familiar, a liberdade de expresión, a calidade da ensinanza gratuita, e tantos outros temas
E digo eu…
Se estivera Fraga no poder, existiría este auxe da danza contemporáneaen Galiza?
Se estivera Quintana no poder resolveríase antes a crise do Prestige?
Se estivera González no poder mandaríamos soldados a Irak?
Se estivera a esquerda gobernando Italia, finaría antes a agonía de Eluana e o seu pai?
Se os alemáns non votaran a Hitler no seu momento, existiría o Holocausto, existiría o estado de Israel, vivirían en paz os palestinos?
As respostas a estas preguntas non existen, pero eu dende logo teño unha opinión clara.
A política inflúe nas nosas vidas amigos, así que vai votar, e non o fagas por Feijoo.

viernes, 20 de febrero de 2009

CABARETERAPIA


A mesma palabra é dunha musicalidade e dun conciso que case fai prescindible escribir nada máis, pero como doulle a tecla por diversión, e hoxe teño tempo, non ides a ter a sorte de que acabe aquí a cousa.
Pouca xente coñezo que non estivera nalgunha etapa da súa vida a tratamento por depresión ou ansiedade, o trankimazin é xa tan coñecido como a aspirina. Puxéronse de moda múltiples técnicas orientais de relaxación, Yoga, Tai Chi Chuan, Reiki, Chi Kung, Shiatsu, Feng Shui…e tantas outras de nomes extravagantes pero cun mesmo fin, conseguir un equilibrio mental que a nosa vertixinosa vida tambalea dun lado a outro.
Encántame probalo todo, pero a min, o que me vai ben, é o Cabaret.
O sábado actuamos na sala Capitol de Santiago, e non vexo o momento de poñerme esa roupa tan suxerinte, que doutro modo estaría retida nas paredes da alcoba. Maquillarme dun personaxe Divino, seguro de si mesmo, alegre, desenfadado, sen máis responsabilidades que deleitar os presentes coa súa inmensa presencia.
Por suposto ningunha terapia é boa sen un bo grupo. Somos un elenco moi dispar…tan diversa é a nosa formación artística, as nosas aspiracións, as nosas circunstancias que parece un milagre que formemos unha Cía. profesional.
Nuria, María Manero, María Polo, Debora (por certo terás ti as miñas bragas negras de puntillita?) Carla portuguesa, Carla de Figueredo, Yolanda e…GRAZAS NELSON!!!

lunes, 2 de febrero de 2009

TEMPUS


Xa pasou un mes dende que deu comezo o novo ano, e pasou unha semana dende que eu teño un ano máis. ¿A quen se lle ocurriu medir o tempo?
Seguramente cando comezou a agricultura foi cando nos vimos necesitados de medir o paso das lúas e a chegada de determinadas estrelas, pero é agora cando a medida do tempo comeza a rexer as nosas vidas en vez de ser un instrumento de axuda. Os días, os meses e os anos tiranizan os nosos actos dictando qué podemos e qué non podemos facer segundo o calendario esté nunha páxina ou outra.
O día 31 de decembro vémonos obrigados a cumprir un montón de rituais que alguén inventou, non teño moi claro en que ano se produciu ese excedente de uvas que instaurou a tradición, cando menos estrana, de comer unha uva con cada badalada do reloxo da porta do sol. Roupa interior vermella, ouro na copa, vestirse de gala, poñerse lazos de cores na boneca…
Tamén é gracioso, sobre todo agora con tanto cambio climático, cando a principios de Outubro aquí en Galiza fai un sol de carallo, e moita mellor temperatura que en Xullo e encóntraste con xente que non vai a praia, “Porque a min nestas datas xa non me presta” en fin…
Agora chega o Entroido, por fin comeremos filloas e orellas, porque claro, o resto do ano non se pode, menos mal que non pasa o mesmo cos bocatas de nocilla, mira que se alguén se lle da por instaurar a tradición de que só se pode comer bocatas de nocilla o primeiro venres de cada mes!!
Agora teño 31 anos e comezo a descubrir que xusto os 30 foron o último ano da miña xuventude, xa ves ti, dun día para outro hai un montón de subvencións, concursos, cursos e descontos os que xa non me podo presentar, haberá que esperar a xubilación para voltar a ter beneficios sociais.

lunes, 29 de diciembre de 2008

"La Ola"


Onte fun ver a película alemana traducida ó castelán como “La Ola” Un mestre dun instituto, que ten que dar unhas xornadas sobre a autocracia durante unha semana, decide poñer na práctica as principais consignas de toda dictadura. O experimento trata de dar resposta a seguinte pregunta ¿sería posible a instauración dun réxime autocrático nos nosos tempos?
Tal pregunta pode plantexar algunha dúbida en Alemania, que o fin e o cabo están arrepentidos e sinten verdadeira vergoña do acontecido durante o Tercer Reich, non me plantexa tanta dúbida en España, onde aínda agora podemos escoitar aquelo de “Con Franco viviamos mejor” dito con orgullo e coa cabeza ben alta (que hay que joderse)
Idolátrase a xente con poder, sen importar a súa ideoloxía nin os seus feitos, o caudillo de turno terá un séquito tras el, alagados con só sentarse a súa mesa, e non estou falando do pobo, estou falando sobre todo daqueles considerados élite, banqueiros, intelectuais, millonarios e grandes empresarios, que son os máis zalameros cos poderosos, eles, qué precisamente teñen a opción da crítica.
Así que a miña reflexión non é tanto colectiva, estou segura de que España non aprendeu dos seus erros, se non máis ben individual, ¿de qué sería eu capaz?
Podería eu apoiarme na masa para realizar actos que nunca faría doutro xeito? Deixaríame arrastrar pola seguridade que facilita o grupo? Eu nunca me sentín parte dun todo, o meu individualismo paréceme máis un defecto que unha virtude, pero o poder da suxestión colectiva é inmensa e da medo. Quén pode sentirse libre de caer en tal mal?

sábado, 27 de diciembre de 2008

Unha nación, unha selección


Nun mundo de pensamento dirixido e costumes uniformes da gusto sentirte parte dunha pequena comunidade diferenciada, nin mellor nin peor, simplemente única e distinta. Dende logo non serei eu das que digan que nunca bebe Coca Cola (sobre todo se vai acompañada de ron) ou que non pisa un McDonalds, a comida basura tamén ten o seu aquel, non todo van ser grelos, pero síntome unha grande privilexiada ó poder ir tomar unha ración de pulpo cando me peta, e de poder acabar unha cea cun licor café que quenta ó ánimo. Non vou entrar en tópicos porque para iso xa temos o anuncio de Gadis, e ben contentiños que quedamos todos cando o escoitamos por primeira vez, “sintámonos orgullosos de ser galegos” e enchémonos de fachenda e creceunos o sentimento patrio para algúns, o sentimento rexionalista para outros. Que máis da, na orden práctica chamarnos nación ou rexión, ó caso é que ningún outro pobo de España é coma nos, ninguén fala coma nos, ninguén come coma nos (saíu un estudo sobre a Dieta Atlántica) e por suposto ninguén ten este carácter tan noso.
Somos unha das nacións españolas máis conservadoras, aquí un partido nacionalista de dereitas forrábase a votos, moito se especulou sobre Cuíña, Meilán e non sei quen máis, pero grazas a devires do destino, ninguén se decidiu a formar tal partido (e non quero dar ideas, deus nos libre dun demo así)
Este sábado xoga a Selección Galega, Riazor será unha festa, cantaremos o himno, ondearan as bandeiras, entonaremos consignas nacionalistas e virán xogadores galegos que viven noutros países para xogar xuntos por Nadal. Levarei os meus curmáns para que cheiren ese espírito, tan difícil de encontrar nas escolas coruñesas, xa estivemos ensaiando o himno e faleilles de Pondal, coas súas barbas brancas ondeando o vento, mentres montaba a cabalo polos montes de Ponteceso. Non sei con que se quedarían as súas pequenas mentes sempre indescifrables, eu conteino o mellor que souben.