lunes, 9 de marzo de 2009

DIAS DE GATOS


Cando un domingo pola mañá levantarse da cama supón un esforzo titánico o mellor é deixarse levar e pasar un día de gatos.
Imitar a preguiza felina é unha virtude que non moita xente posúe. Existe un saber-estar no sofá, unha dignidade faraónica na súa quietude, un poder de concentración magnífico para poñer a mente en branco cos ollos abertos e os sentidos medio alerta.
Eu vivo cun gato experto en non facer nada, en mimetizarse coa manta do sofá de modo que algúns días chegas a sentarte enriba súa, e iso é un don, porque dende logo polo seu tamaño non lle debería ser doado pasar desapercibido.
O gato ten unha elegancia natural no “dolce far niente”, unha actitude pétrea, e iso nunca o saberei imitar, a miña natureza pide movemento. Aínda así o pasado domingo pasei todo o día con Huma no sofá, cando ía a cociña a por algo viña comigo pedíndome unhas miguiñas do que eu comera, voltando prontamente os dous para o sofá. Vimos un rato a tele, pero a meirande parte do día estivemos pasmando, mirando pola xanela, pechando os ollos para entrar en nos mesmos, observando a Alex que era o único ser activo da casa…
Só me separei del para darme unha ducha...lamberme pareceume un pouco sucio.

No hay comentarios: