martes, 15 de septiembre de 2009

DE MUROS, DANZAS E OVOS ROTOS


Levo tempo sen escribir nada, e pasa coma con todo, cando levas un tempo sen facelo parece que non vas ser quen de facelo ben, pero eso si, estás máis motivado.

De muros direi, que a pesar de ter un pobo moi preto de aquí con moito do que falar, a miña intención é falar da “re-construcción” do muro de Berlín, foto aquí presente. Resulta inquietante chegar á East Side Gallery para ver un anaco da historia recente de Europa, e atoparte que están recebando o muro para volvelo a pintar. Intentan que quede mono para o 20 aniversario da súa caída, pero a min dame impresión de tongo, de timo turístico, de alteración capitalista dun episodio histórico marcado pola espontaneidade e unidade do pobo. E deume pena.

De danzas quero falar de Igor Yebra, de cómo a súa coreografía “La muerte del cisne” deixoume a pel de galiña. Fíxose escuro no Teatro Real de Madrid, apareceu o cañón de luz iluminando o centro do escenario, onde o bailarín cun axustado calzoncillo negro e un corpo perfecto permanecía engurruñado no chan. Levantouse tranquilo, sen música, despertando cada músculo do seu corpo con harmonía. O público permanecía en silencio, nen sequera se oían esas toses nerviosas que lles dan a algúns cando non hai ruido (tan mal acostumados están os nosos oídos). Comezou cunha danza suave, unha pequena mostra da beleza dos movementos, foi gañando intensidade, forza, cos seus saltos oíamos a súa acompasada respiración. Volveu caer ó chan e sonou a música, a intensidade do momento decaeu un pouco e gozamos do resto da coreografía xa ca pel no seu sitio.

De ovos rotos estaban cheos os menús de todos os restaurantes ós que Noelia nos levou esta fin de semana. Estamos a falar de lugares de decoración moderna e exquisita, un deles tiña un olivo enfronte da primeira barra, e un salón chill-out para despois de cear. Pratos de deseño, mobles extravagantes, xente chic, cocteis especiais, salsas con especias exóticas…e xunto con todo isto “huevos fritos con patatas y chorizo” Yujuuu!!! Comezou a equiparación das clases sociais, polo menos agora xa todos comemos o mesmo…

No hay comentarios: