jueves, 3 de septiembre de 2015

O que hai que facer para non ir ao mar

Eu de pequena sempre quixen ser normal. Cando me preguntaban pola profesión dos meus pais, molestabame dicir que eran actores, porque cando eu era nena, nos 80, dicir eso na Coruña, era ser moi raro. Así que para evitar preguntas e caras de extrañeza, sempre contestaba que o meu pai era maestro, o cal tampouco era mentira. Agora non dou crédito a esa teima miña, e creo que xa é hora de homenaxear a toda unha xeración de xente rara, de artistas, que dende principios dos anos 70 fixeron que traballar en teatro fora unha profesión Miña nai deixounos de súpeto, demasiado pronto, demasiado rápido, deixounos en estado de shock, Pasaron 6 anos, e aínda costa asimilalo. Fora de ser a miña nai, foi unha gran muller, e deixei agotar o noso tempo sen chegar a ter ningunha conversación longa que tratase sobre ela, sobre Mariajo Mosteiro. Enfrascadas na rutina, falabamos dos meus pequenos problemas vitales, do meu catarro perpetuo, que ainda vai ser unha alerxia, da miña dieta, que non me fagas patacas, que non as vou comer, da miña parella, do meu traballo, meu..., meu..., meu... O que nunca se nos ocurriu falar foi de como unha nena de 15 anos, sen máis educación que a básica, saiu dun barrio marxinal da Coruña, para pasar a formar parte activa da intelectualidade da época. Como unha nena que xa traballaba para aportar diñeiro na casa, que tiña o seu cuidado catro irmans pequenos, reuniu o tempo, as forzas, e a actitude para seguir o seu profesor Manolo Lourenzo, e sementar os cernes do Teatro en Galicia A histoira do meu pai, Tuto Vázquez, e algo máis coñecida, porque o final deixouse atrapar polo audiovisual, e nese sector hai máis publicidade. Orgulloso da súa Ribeira natal, na que toda a rama xenealóxica coñecida vivía da pesca, sempre contaba que fixose actor "para non ir o mar" pero en realidade quen sabe de onde lle naceu esa inquietude artística? sei que comezou no teatro nos seus tempos de maxisterio, pero o meu pai, ou polo menos o pai que eu coñecía, era unha persoa tímida e reservada, non lle gustaba chamar a atención. Cómo foron eses comezos? que o levou a facer da actuación a súa profesión? Cando rodaba "Mareas Vivas" non podía ir polas rúas sen que a xente o parase, resultaba moi contradictorio coa súa personalidade, pero él seguiú actuando, levaba dentro o espíritu do teatro. Pasa o tempo, inexorable, con prisas, estres, sen pararmos a pensar, comemos, amamos, triunfamos, choramos, e as cotidianidades impiden que reflexionemos sobre o camiño xa feito...Houbo en Galicia un movemento cultural no que eu me vin involucrada sen querelo, e sen ser consciente, pero dese movemento naceu o teatro profesional, un teatro polo que agora pasa o tempo, tamén inexorable, con prisas, estres, do que moita xente come, o que moita xente ama, un teatro que as veces triunfa, que as veces chora...Non podemos deixar pasar os seus primeiros pasos sen pararmos a pensar, temos que coñecer aqueles tempos para continuar a historia. Abrimos telón

No hay comentarios: