martes, 30 de junio de 2009

ISTAMBUL


Rúas ateigadas de xente que grita, en turco, en árabe, en inglés, en italiano, en español, constantes acenos que invitan a pasar, a mirar, a comprar…mercadorías de todalas cores, texturas, sabores, olores…Encóntrome no Gran Bazar de Estambul, roupa falsificada, as mais coñecidas marcas do consumismo occidental a metade de precio, deliciosas telas de cores para a danza do ventre, escuras e neutras prendas para tapar os corpos das mulleres, xoias, coiro, alfombras, narguiles, especias, babuchas, froita, panos, kebaps, artesanía, zumes naturais, bolsos, viagra, té, xoguetes, bonecas, tabaco…todo o que podas imaxinar e máis.

O Bósforo levanta unha brisa reparadora e danos un respiro sentados nun restaurante na Ponte de Gálata. Vemos os transbordadores que pasan dun continente a outro por menos dun euro, petroleiros subindo baleiros ó mar negro e baixando cheos, luxosos iates, transatlánticos, nun barco atracado no porto fan bocadillos de pescado. Enriba da ponte un neno vende cebo vivo ós pescadores, e un tranvía sube a parte “nova” da cidade.

Un suave canto sae do alto dunha mezquita, de seguida lle contesta outra voz, e outra, as distintas sintonías armorizan e chaman a oración dos fieis, un home reza nun xardín. Sultanahmed, noutrora bulicioso espacio turístico, réndese a pregaria, é a última chamada, son as 22.10 e a noite xa caeu sobre a cidade, os turistas xa non poden pasar o interior do templo, pero dende o patio asisten abraiados ós rituais, un home lava os pes seguido pola mirada de dúas mulleres tapadas en negro da cabeza os pes, mantéñense nun segundo plano, pero as nosas miradas crávanse nelas sen poder evitalo.

No hay comentarios: